Thursday 16 de May de 2024

Mila Castro afea á oposición que faga “campaña electoral” do novo contrato de lixo e lémbralle que foi o actual goberno municipal quen sacou a licitación adiante


A concelleira de Medio Ambiente, Mila Castro, lémbralle á oposición que foi “este goberno” o que sacou o contrato do servizo de limpeza e de recollida de lixo adiante, a pesares de que as queixas da veciñanza se remontan xa a anteriores mandatos. Sinala que neste momento se está procedendo a distribución de contedores, que existen campañas de sensibilización; e que e contratou unha consultora especializada, “para precisamente verificar o cumprimento do contrato.

Mila Castro respondía hoxe, de xeito contundente, ás declaracións dos grupos da oposición. Afirma que que “os que foron incapaces de sacar uns pregos adiante, son os que piden explicacións. A campaña electoral, para algúns xa empezou, e para outros o que nos toca é traballar día a día con todas as cousas que pasan na nosa cidade”, como se está a facer desde o goberno municipal.

A concelleira engadiu que “estamos falando dun contrato que tiña 17 anos, obsoleto, tanto pola maquinaria como pola infraestrutura de contedores”, que estaba necesitando unha nova licitación. Mila Castro recorda que foi “este goberno o que sacou este novo contrato que agora se está implementando”, a pesares de que as queixas da veciñanza xa viñan de mandatos anteriores.

A concelleira explica que neste momento estanse distribuíndo os contedores de lixo de recollida selectiva. “Comezamos pola zona de Vite e da contorna”. Neste momento están en Fontiñas, e pouco a pouco, sinala, iránse cambiando os contedores.

Tamén se están levando a cabo campañas de sensibilización.

Sobre a vixiancia e control da empresa, indicou que se contratou unha consultora especializada, “para precisamente verificar o cumprimento do contrato na implantación do servizo”, que xa tivo contactos coa concesionaria, Urbaser, e cos técnicos muncipais. Anticipou que precisamente mañá está prevista unha reunión de seguimento con Urbaser, “orientada a esixir o estrito cumprimento do contrato cunha excepción, a entrega de materiais que de xeito acreditado non foron subministrados polos proveedores”.